O sistema de competición configúrase por categoría, non para todo o evento: podes ter unha liga en U10 e un cadro eliminatorio en sénior dentro do mesmo torneo. Esta guía explica os formatos dispoñibles, como se reparten os grupos e se sortea o cadro, e como se resolven os empates.
- 1 Escolle o formato
- 2 Axusta os parámetros
- 3 Reparte grupos / sortea o cadro
- 4 Xera os partidos
01Os catro formatos
- Liga — todos contra todos.
- Liga + Eliminatorias — liga e despois cadro entre os mellores.
- Grupos + Eliminatorias — fase de grupos e despois cadro. O máis habitual no 3x3.
- Eliminatorias — cadro directo, sen fase previa.
Con inscrición libre o normal é escollelo ao pechar a inscrición, cando xa sabes cantos equipos hai. Ata entón a categoría aparece como Sen formato.
02Voltas (liga e grupos)
Decides cantas veces se enfronta cada parella: 1 volta (todos contra todos unha vez), 2 voltas (ida e volta, invertendo local e visitante) ou 3. En Grupos + Eliminatorias as voltas afectan só á liguiña de cada grupo; a fase eliminatoria non cambia.
03Grupos: cantos e quen pasa
Con fase de grupos configuras tres cousas:
- Grupos ou equipos por grupo — automático ou á túa medida.
- Avanzan por grupo — cantos se clasifican de cada un.
- Tamaño do cadro final (KO) — entre 2 e 64 clasificados.
Aquí está a parte útil: se o tamaño do cadro é maior que grupos × avanzan, os ocos énchense cos mellores seguintes clasificados comparando entre todos os grupos —os clásicos "mellores terceiros"—. E o cadro non precisa ser potencia de 2: se non o é, redondéase cara arriba e os mellores cabezas de serie pasan directos á seguinte rolda con exención (bye). Con 12 equipos non tes que forzar un cadro de 8 nin inventarche unha repesca.
04Reparte os grupos
Gardado o formato, toca formar os grupos: aleatorio ou manual arrastrando equipos. Se non che convence o reparto, volve a repartir as veces que faga falta. A app avisa dos grupos baleiros ou desequilibrados e non che deixa xerar os partidos se queda algún equipo sen asignar. Se cubriches o ranking FIBA do equipo, esa información veraa nese momento, para separar os cabezas de serie correctamente.
05Sortea o cadro
Nos formatos con eliminatorias séméntase o cadro: define as cabezas de serie de forma aleatoria ou manual, coa opción de volver a sortear ou pasar dun modo a outro antes de pechar. Podes incluír o partido polo terceiro posto (require un cadro de polo menos 4 equipos).

06Xera os partidos
Cos grupos repartidos ou o cadro sorteado, xera os partidos. A partir dese momento os grupos e a sementeira quedan bloqueados, e xa podes programar o calendario do evento.
Se máis adiante gardas un formato distinto, rexenérase o cadro e elimínanse os partidos desa categoría, incluídos os programados ou xogados cos seus resultados. A aplicación avísate e pídeche confirmación escrita.
07Clasificación e desempates
O desempate só mira os partidos entre os equipos empatados, e resólvese de forma distinta segundo o modo: estrito (como en FIBA) ou libre (resultado directo, diferenza e puntos a favor neses enfrontamentos). Aplícase só ao completar o grupo; se aínda non se xogaron todos eses partidos, a app dicheo.

Dous axustes que evitan sorpresas:
- Tope de puntos na media — limita cantos puntos dun partido contan para o promedio, para que unha goleada non distorsione o ranking entre equipos igualados (en regras oficiais, 21).
- Ocultar PC e diferenza — deixa a clasificación pública só con puntos a favor e puntos de clasificación, útil en torneos oficiais onde chegar a 21 é o único obxectivo.
Preguntas frecuentes
O cadro ten que ser de 4, 8 ou 16 equipos?
Non: de 2 a 64, e se non é potencia de 2 os mellores pasan con exención (bye).
Como se desempata nun grupo?
Só cos partidos entre os empatados ao finalizar o grupo.
Pódense clasificar os mellores terceiros?
Si claro, os mellores 2º, 3º, 4º,... o que ti decidas no teu formato de xogo.
Podo facer os grupos e o sorteo a man?
Si, ambos admiten modo manual e pódense repetir antes de xerar os partidos.
Podo cambiar o formato unha vez xerado o cadro?
Si, pero rexenerar borra os partidos desa categoría e os seus resultados.